Galiza... algo máis 

Sants3radio - 103.2 FM, Sábados de 17 a 18 h.

Emisión on-line: Sants3radio

Naceu no ano 1994 baixo a dirección de Moncha Prieto, daquela tamén presidenta de ERGaC. Moncha conseguiu a colaboración do Servicio de Radio Exterior da Radio Galega, e tivo no programa como colaboradores habituais a Manuel Mandianes e mais a César del Caño, por citar soamente algúns. En 1995 Moncha voltou a Galiza deixando a dirección do programa en mans de Xosé M. Sancho e mais de Antón Fernández. Moitos colaboradores pasaron entón polo programa: César Guzmán desde Lugo, Bieito Romero desde A Coruña ou o músico Iago Mejuto. O ano 2001 o programa fixo unha pausa para voltar ás ondas no 2003, dirixido por Antón Fernández, en Sants 3 Ràdio. O director é arestora Suso Mon, e ten dous colaboradores habituais xunto aos que bota adiante dúas horas amenas e de contidos moi amplos, antonHelena Dominguez e Martí Aviñoá. Co gallo do accidente do Prestige incorporouse tamén ao equipo Xosé Manuel Conde, profesor de ciencias e membro de Furafollas Agrupación Teatral, que no espacio “Ondas Negras” nos informou da situación da costa galega logo do afundimento do petroleiro, amais das novidades que se estean a producir. A literatura galega chega cada sábado da man do director, Suso Mon, un informático galego e apaixonado lector, que nos permite gozar do espacio semanal “Letras galegas”. O equipo de Galiza...algo máis encargouse da cobertura informativa da manifestación do 23 de febreiro do 2002 en Madrid, en protesta pola marea negra. Durante a tempada 2004-2005 o programa, que acadou unha calidade informativa nunca encontrada na radio galega en Cataluña, traballou para achegar toda a actualidade políticosocial de Galicia á cidadanía catalá. Desta maneira, todos os sábados o programa inclúe dúas ou tres entrevistas: a escritores, a políticos ou ben a persoas que estan de actualidade por un ou outro motivo, como é o caso da popular Ramona Maneiro, que se fixo tan coñecida a raíz da película Mar Adentro. O programa máis importante que fixo ultimamente o equipo do Galiza… Algo máis, en colaboración con Ana Belén Real, Eduard del Castillo (ambos os dous do programa Aturuxos) e mais de Paco Castro (membro do Bloque Nacionalista Galego en Barcelona), foi o Especial Eleccións Galegas 2005, o pasado 19 de xuño, con motivo da celebración da convocatoria electoral que tiña que escoller novo presidente para o Goberno da Xunta de Galiza. Durante o programa interviron, por unha banda, os directores dos xornais El progreso de Lugo, La voz de Galicia, El Faro de Vigo, o ex-director do portal electrónico de noticias Vieiros, Anxo Quintela, o redactor xefe do periódico A Peneira, Antón Fernández, e mais Ramom Gonçalves, director do periódico Novas da Galiza. Doutra banda, e representando á prensa catalá, interviron: Antonio Franco, director de El periòdico de Catalunya, Francesc Valls, periodista de El país, e tamén representantes dos xornais La Vanguardia e mais El punt. No que fai ás voces dos partidos políticos, entrevistáronse telefonicamente Encarna Otero, do BNG, Ceferino Díaz, do PSdG-PSOE e mais X.L. Mendez Ferrín, o coñecido escritor galego que foi candidato á presidencia da Xunta pola FPG (Frente Popular Galega). Tamén dende os partidos cataláns colaboraron no programa membros de todos os partidos con representación no Parlament de Catalunya. susoO Especial Eleccións do Galiza… algo máis foi a plataforma a traves da que, tanto os galegos residentes en Barcelona como os cataláns, puideron coñecer de primeira man o desenvolvemento do escrutinio dos votos ata o momento de sabérense os resultados finais, porque o programa comezou repasando os perfís dos candidatos e dando unha panorámica histórica dos partidos que se presentaron, continuou coas enquisas a pé de urna e acabou dando os resultados oficiais a medida que ían saíndo. Soamente coa crónica deste programa xa intuímos a calidade e a vontade que o equipo do Galiza… algo máis demostra á hora de botar a ollada semanal sobre Galicia. É un traballo que cómpre agradecer, en grande medida, ao seu productor: Martí Aviñoà. No ano 2007, o programa recibiu o segundo premio entre os mellores programas de radio en galego feitos na Galicia exterior.


Voltar